Valego, a terceira ponla da lingua galega medieval que segue viva en Estremadura

O valego, a terceira ponla do galego medieval

Xerais edita “O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres – Estremadura)”, unha obra que recolle 20 anos de investigacións dende que se descubrisen estas ‘falas raras’ aos principios dos 90.

O valverdeiro, o lagarteiro e o mañego son variedades esencialmente galegas que, a pesar das diferenzas entre elas constitúen un mesmo ‘dialecto’, o valego, a terceira ponla da lingua galega medieval que segue viva en Estremadura e, máis concretamente, no Val do Ellas, Val de Xálima ou Os Tres Lugaris. O profesor Xosé Henrique Costas descubriu estas ‘falas raras’ a principios dos noventa e, dende entón, van 20 anos de continuas visitas á zona para recoller material que foi dando a coñecer en múltiples relatorios e artigos, agora revisados, actualizados e agrupados nos diversos capítulos de O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres – Estremadura), unha monografía editada por Xerais coa que Costas ve plasmados “20 anos de traballo, vinte anos indo ao Val do Ellas con alumnos, vinte anos sorprendéndome con cousas novas”.

Escoita Valego:

parte 1. http://www.youtube.com/watch?v=RU2ZiZOdcOg

parte 2. http://www.youtube.com/watch?v=elYhPgbDER

Especializado fundamentalmente nos eidos da dialectoloxía e da sociolingüística, Xosé Henrique Costas define o libro como “o traballo e a paixón de catro lustros por contribuír a un mellor e maior coñecemento da nosa lingua e da nosa historia” e “como ronsel” agarda que non pase desapercibido para as novas e novos investigadores e se animen así a facer as súas teses ou traballos académicos “que esta realidade lingüística e social quere feitas”. Ao tempo, fai tamén fincapé nun dos principais obxectivos da obra: contribuír con “sólidos alicerces” á dignificación, aumento do prestixio social, coñecemento rigoroso e normalización lingüística e cultural en Estremadura deste tipo especial de galego no seu territorio autóctono.

364165d8aa92a9f4d8d246c3b00a27cf
Trátase, tal e como se subliña no Limiar da obra, “de axudar a que se prestixie e sobreviva con vitalidade no seu territorio, non como obxecto coleccionable nin musealizable, nin como curiosidade folclórica visitable nunha reserva ata o seu esmorecemento por falta de coidados ou por inanición, senón como realidade viva, con saúde e con futuro”, recalca Costas.
Xeografía, paisaxe, onomástica… toda unha viaxe en 300 páxinas
Leva xa uns días de presentacións e “o balance é moi positivo, xa que a asistencia da xente é moi grande e os comentarios son bos”. O 27 de decembro fará a presentación no Val do Ellas con filólogos locais “pero nas poucas semanas que xa leva alí o libro á venda ten espertado moito interese”, subliña Costas, quen afirma sentirse “contento e aliviado, contento por velo publicado e aliviado porque xa era unha cousa que levaba adiado demasiadas veces”.
Ao través de case 300 páxinas o volume toca aspectos como a onomástica e a historia do galego na zona, con especial atención á toponimia, dá hipóteses sobre o mantemento da fala e a súa polémica adscrición lingüística e fai unha completa caracterización fonética, morfosintáctica e léxica, para rematar cunha análise da situación sociolingüística e da urxente necesidade de codificación destas falas para o que propón unha solución “á galega”.
Non separa na monografía o estudo lingüístico dos temas sociais e legais, e tampouco escapa dos aspectos políticos, de feito, abre cun longo capítulo sobre o contexto lexislativo e político de todas as linguas minorizadas de España, onde se atende á situación do galego, do vasco e do catalán nos seus diversos territorios “e tamén a situación doutras linguas españolas que moita xente ignora a súa existencia, como ocorre co asturiano, aragonés, aranés, portugués, árabe e tamazig”, recalca o autor, que fai tamén referencia á lexislación lingüística ignorada, particularmente á Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias “e a súa importancia para a normalización do galego de Galicia, máis tamén para o galego estremeiro e do Val do Ellas”.
Novos proxectos en Sardeña e Brasil
Tras deixar atrás varios anos máis centrado en temas de xestión e política universitaria, Xosé Henrique Costas está xa inmerso de cheo en novos proxectos. Nesta nova singradura, entre outros destinos, a tarefa investigadora lévaoo a Sardeña, onde colabora con diferentes movementos, asociacións e editoriais que fomentan a lingua xarda, e tamén a Brasil, onde coopera cun equipo de investigación que traballa en dialectoloxía brasileira. “Pero isto non significa que deixe atrás ao Val de Ellas, para nada”, subliña Costas, ao tempo que explica o seu labor como asesor do goberno estremeño “en todo o relacionado coa lingua do Val do Ellas” na creación do chamado Parque Cultural da Sierra de Gata.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s